REINÍCIATE NO RURAL
Mesas de traballo

REINÍCIATE NO RURAL

17 de novembro do ano 2019. Unha data que, quizais así soa, non diga nada sendo, sen embargo,   unha data na que a vida da sociedade mundial, tal e como a coñecíamos ata ese momento, comezaría a mudar.

O 17 de novembro de 2019 detectouse o primeiro caso dunha persoa infectada polo virus SARS-CoV-2, causante da enfermidade da COVID-19 coñecido coloquialmente como Coronavirus. Ninguén, por aquel entón, era consciente do que ese primeiro caso suporía para todo o mundo nos meses seguintes. Unha pandemia mundial estaba nacendo e ninguén o esperaba.

O número de casos infectados pronto comezou a correr cunha taxa de contaxio próxima ao 1 – 4. Cantas máis eran as persoas infectadas menor era desconsideración que dende o primeiro momento houbo cara esta enfermidade. O virus non entendeu de fronteiras, de barreiras nin de muros e o día 24 de xaneiro de 2020 confirmábase en Francia o primeiro caso de coronavirus en Europa.

Cartaz vindeiras actividades

Sete días. Sete días tardou o primeiro caso en España en ser confirmado o 31 de xaneiro para, dende entón e co foco principal en Madrid, continuar a súa propagación ao logo de todo o territorio. Así chegamos ao día 14 de marzo cando, a través dun Real Decreto histórico como o RD 463/2020, o Goberno de España decreta o Estado de Alarma en todo o territorio nacional. Dende entón todos e todas somos xa coñecedores do que supuxo.

99 días de confinamento, algúns días con maiores liberdades ca outros. Sen saber moi ben como, deixamos de poder saír das casas, de visitar aos nosos seres queridos, de continuar cas nosas rutinas. Estábamos nun novo mundo, un mundo que saía aos balcóns ás 20:00h para recoñecer a labor dos que loitaban contra o virus, un mundo de teletraballo, de máscaras, de xeles hidroalcólicos e de distancia social.

Nesta situación unha idea, que algúns xa tiñamos clara, comezou a expandirse: O RURAL É VITAL. Durante este tempo onde moitas persoas víronse encerradas entre catro paredes, o rural non parou, continuou abastecendo os mercados para que a ninguén lle faltase de nada.

Por causa deste confinamento a valorización do mundo rural pola sociedade incrementouse de xeito notable. E é que o rural é contacto coa natureza, é alimentación saudable e sustentable, é liberdade… en definitiva, o rural é calidade de vida.

Dende o GDR Condado Paradanta quixemos aproveitar este ambiente que se xerou ao redor da calidade de vida do rural, decidindo por en marcha un proxecto que estaba latente dende fai tempo: REINÍCIATE NO RURAL.

A calidade de vida do rural, o contacto coa natureza, a liberdade de estar ao aire libre, a alimentación saudable e sustentable, o sentimento de pertenza á terra… Todos estes conceptos conflúen no agroalimento local.

O programa Reiníciate no rural nace co obxecto de implantar unha estratexia de impulso e estímulo á produción, transformación e consumo de alimentos locais no territorio de actuación deste GDR Condado Paradanta.

Condado Paradanta é un territorio moi rico e diverso en canto a alimentos locais e son varias as iniciativas que xorden ao longo dos dez concellos que comprende este GDR. O obxectivo é axudar a ditas iniciativas e propiciar a aparición de moitas outras para conseguir un amplo tecido de produtores, distribuidores, comercializadores e consumidores de alimentos locais, saudables, sustentables, respectuosos co medio ambiente e de calidade. De conseguilo, acadaríamos un territorio máis coidado e sustentable, con máis postos de traballo, cunha porcentaxe de despoboamento inferior e cunha calidade de vida superior.

Pero levar a cabo este proxecto, un proxecto a medio/longo prazo, tan só é posible se a sociedade local ten un interese real en que así se sexa. Deste xeito, o GDR Condado Paradanta, realizou unha enquisa, unhas mesas de traballo e diferentes actividades que a continuación se detallan.

O punto de partida para a implantación dunha estratexia para mellorar e estimular a produción, transformación e consumo de alimentos locais no Condado Paradanta non podía ser outro que o de valorar o interese ou no dos diferentes axentes do territorio na mesma. Por isto o GDR Condado Paradanta elaborou unha enquisa na cal, tanto os pertencentes a algún dos dez concellos do ámbito de actuación como os doutros concellos tiveron a oportunidade de expresar as súas opinións ao respecto.

A enquisa estivo aberta dende o 30 de abril ao 10 de maio deste 2020 e nela recolléronse un total de 437 respostas.

O 27% das respostas chegaron dende o concello de Ponteareas, o de maior número de respostas, seguido de As Neves (12%) e de Covelo e Salceda de Caselas (11%).

O informe final da enquisa expón as seguintes conclusións que se obtiveron tras o análise de todas e cada unha das respostas á mesma:

  1. Existe interese en crear valor no territorio a través da produción agroalimentaria local.
  2. A gran maioría dos enquisados e enquisadas (91%) están dispostos a comprar máis alimentos locais.
  3. 156 persoas, como mínimo, están interesadas en producir máis alimentos no territorio.
  4. 112 persoas demandan servizos de asesoramento e formación.
  5. 120 persoas queren axudarse entre si.
  6. 147 persoas queren ser contactadas nos seguintes pasos que se avancen neste estudo.

Deste xeito, se ben é certo que o número de persoas que contestaron á enquisa non é concluínte por non ser representativo do territorio, o certo é que 147 persoas querían seguir avanzando pasos neste estudo.

Así dende o GDR Condado Paradanta seguimos adiante coa realización dunhas mesas de traballo orientadas cara esas persoas interesadas e co obxectivo de seguir avanzando na definición do camiño a seguir.

Unha vez analizados os datos e obtidas as conclusións que se desprenden da enquisa, o equipo xestor deste proxecto decidimos seguir adiante co mesmo. De tal xeito decidiuse organizar unhas mesas de traballo con aqueles que quixeran participar para seguir obtendo conclusións e ideas que axudasen a seguir marcando o camiño.

Platexábanse catro tipos de mesas nun principio: unha relacionada ca compra, outra ca venda, outra ca produción e outra ca formación que se precisaba.

Así as cousas e unha vez definidos os obxectivos a conseguir nesta fase do proxecto, o venres 26 de xuño de 2020 celebráronse as mesas de traballo na Reitoral de Santa Mariña de Covelo. Ás mesmas asistiron, previa inscrición, un total de 21 persoas, procedendo na súa maioría do concello de Ponteareas e do concello de Salvaterra de Miño.

A xornada organizouse en torno a tres mesas de traballo (Comprar máis alimentos locais, Vender mellor e A formación que se precisa) e unha dinámica (Producir na nosa terra), tocando así os diferentes puntos de vista que anteriormente se mencionan.

Finalmente podemos indicar as seguintes ideas fundamentais como as conclusións que se obtiveron desta xornada en:

  1. Existe unha oportunidade para casar produtores locais con consumidores do territorio
  2. Hai interese na organización de novas formacións e encontros, así como en seguir coñecéndose entre si
  3. A sustentabilidade e os valores son os nexos de unión máis claros entre os diferentes produtores e consumidores
  4. Creación dunha marca

Seguimos avanzando no proxecto e, despois de que dende o GDR Condado Paradanta se lle solicitara aos participantes información, a súa opinión e as súas suxerencias, chegou o momento no que este GDR pase a ofrecer.

Por este motivo organizouse unha nova xornada que contou cunha primeira parte de networking na cal os asistentes puideron presentarse a eles mesmos, ao seu negocio, os seus produtos e/ou os seus intereses.

Unhas 20 persoas xuntáronse en Rubiós (As Neves) para falar. Falar e darse a coñecer. Falar de Condado Paradanta. Descubrir moitas dos recursos e proxectos que temos no territorio e dos que non somos coñecedores. Un dos principais beneficios que se obtiveron foron as sinerxías que os participantes puideron crear.

Ademais avanzouse na definición do programa formativo, coñecendo en maior profundidade as demandas dos interesados e as súas preferencias en canto a horarios, días, modalidades… para adaptalo na medida do posible ás mesmas.

 Por último, aproveitouse a organización da xornada para o anuncio de outra das demandas que se concluíron nas mesas de traballo: a visita a un caso de éxito na xestión dun proxecto semellante como é a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Alí faranse visitas a produtores locais, distribuidores, comercializadores, ecocomedores e xestores da reserva para de todos eles obter información e exemplos que poidan ser de utilidade para Condado Paradanta.

Conclusións

Logo do confinamento ao que a sociedade se viu sometida por causa da pandemia mundial do coronavirus, a valorización do medio rural, e os valores asociados ao mesmo, por parte de dita sociedade incrementouse.

Este GDR Condado Paradanta observou este feito como o punto de inflexión para a posible posta en marcha dun proxecto no que se levaba certo tempo pensando.

O proxecto, que foi denominado Reincíciate no rural, enfocouse cara á produción, transformación, distribución e comercialización do agroalimento local, ao mesmo tempo que se buscaba xerar un sentimento de pertenza e identificación con Condado Paradanta, pór en contacto a produtores e comercializadores profesionais do territorio, dotar de maior calidade aos mesmos e conseguir, a medio/longo prazo, cambiar os hábitos de consumo da sociedade de Condado Paradanta.

Para isto, logo de realizar unha pequena mostraxe a través dunha enquisa, emprendéronse unha serie de accións como foron a elaboración de mesas de traballo, dinámicas, xornadas de networking, formacións, visitas a casos de éxito…

Dende o GDR Condado Paradanta somos coñecedores da complexidade do proxecto e da obtención dos obxectivos do mesmo. Sen embargo, os beneficios que se poden obter para o territorio tamén son moitos e moi importantes.