Neste momento estás a ver As empresas turísticas do Condado Paradanta xa poden inscribirse no proxecto SICTED

As empresas turísticas do Condado Paradanta xa poden inscribirse no proxecto SICTED

Cañiza, 24 de marzo de 2022.- As entidades do sector, que queiran certificarse co distintivo SICTED,  presten os seus servizos e teñan o seu domicilio social dentro do xeodestino Condado Paradanta, teñen de prazo para inscribirse ata o 30 de abril de 2022.

O proxecto SICTED é una iniciativa promovida pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) que conta co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e está xestionada polo GDR Condado Paradanta, no territorio homónimo. 

Dende a entidade supramunicipal destacan a importancia do distintivo para o sector turístico, xa que “este proporciona apoio para unha mellor xestión da calidade no destino, homoxeneizando servizos e ofrecendo unha experiencia máis coherente ao visitante” apunta o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo.

 PODEN INSCRIBIRSE ATA 36 OFICIOS DIFERENTES

O SICTED, que ten validez bienal, basease nunha concepción integral do destino, a través da identificación de obxectivos comúns de tódolos axentes implicados. Este é un dos motivos polos que abarca ata 36 oficios diferentes. Segundo Castillo, “A idea é que nun mesmo territorio, cada negocio relacionado coa actividade turística cumpra cuns estándares de calidade similares. Céntrase na cadea de valor, traballa con toda a oferta turística polo que, cantas máis empresas se certifiquen, mellor será para Condado Paradanta”

Entre os oficios que poden sumarse ao proxecto destacan as axencias de viaxe, establecementos de aloxamento, comercios turísticos, artesáns, restaurantes, bares, adegas, transporte público, guías turísticos, museos, oficinas de información e empresas de turismo activo, entre outros.

 METODOLOXÍA E BENEFICIOS DO SICTED PARA AS EMPRESAS

Sumarse ao proxecto SICTED é gratuíto para as empresas grazas a que o GDR financia esta iniciativa a cargo do Programa LEADER 2014-2020 ou a través de convenios asinados coa Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.

Para obter o distintivo as empresas deberán participar e superar os diferentes ciclos formativos e de asesoramento, así como as correspondentes avaliacións que acreditarán a súa calidade.

Na actualidade, xa son 46 negocios os beneficiados con este selo, que viron como mellorou a súa xestión interna, incrementaron a cualificación dos seus equipos e aumentaron a súa reputación entre os visitantes.

As empresas interesadas en inscribirse só teñen que chamar ao 986 663 329 ou enviar un e-mail a gdr@gdrcondadoparadanta.gal antes do 30 de abril.