O 22 de outubro, unha semana despoís de que a vaga de lumes asolara montes, veigas, e edificacións dos nosos Concellos, os veciños de Guláns, acompañados por outros doutras parroquias, xuntábanse na área recreativa de San Cibrán, espazo compartido coa parroquia veciña de A Picoña pertencente o Concello de Salceda de Caselas.

Naquela xuntanza, inda co medo no corpo, fíxose análise e reflexión sobre o acontecido e as súas consecuencias. Un 90 % da masa forestal da parroquia ardera e algúns bens inmobles sufriran danos importantes, inda que nada comparado o que poido ocorrer ou o que ocorreu en Concello de As Neves, Salceda de Caselas, Salvaterra…. A xuntanza, que tivo un tono construtivo e positivo,  serviu para, en primeiro lugar, recoñecer o esforzo que os veciños de todos os Concellos fixeron por loitar contra as lapas, pondo incluso en perigo as súas vidas, evidente é que ese foi o medio mais efectivo para combatelas. Tamén se fixo autocritica, as políticas forestais sempre se poden mellorar, os polítcos (autonómicos e locais) teñen a súa responsabilidade e eles son os que ditan as leis e deben facer por aplicarlas, máis o que si é moi certo é que os montes están abandoados. Os montes teñen propietarios e debemos ser os que nos responsabilicemos de telos ben atendidos. Claro, algún de vos estará dicindo, os montes non dan nada, solo dan problemas e gastos. Sí, pode ser, máis en grande parte iso depende de nos, haberá que darlle unha volta a todo isto, modelo de xestión, ordenación do territorio, cumprir e que fagan cumprir as leis, premiar a aqueles que se esforcen en coidar as súas propiedades. Moito está por facer, mais haberá que poñerse, para dar un segundo paso hai que dar o primerio.

Naquela reunión, igual que en todo o territorio, xurdiu unha lista de voluntarios para facer labores no monte que axuden a estabilizar o solo, para que non se perda a súa parte máis fértil, e que non se contaminen os regatos, os ríos coas primerias choivas. Ese domingo voluntarios de Voltea, coordinados pola querida Rosi Covelo, e previo recoñecemento do terreo por parte de técnicos forestais, membros da comunidade de montes e pola responsable da empresa Alecrin, que tamén colaborou, actuaron para mostrar cales poderían ser os traballos a realizar.

Hoxe, case 15 días despóis e tras analizar as zonas de traballo para garantir o efecto positvo sobre o terreno e ter contratado seguro para os voluntarios, mais de vinte personas subiron ó monte para seguir con esas labores de estabilización do solo. Espallouse máis de 1 Tn de herba seca en zonas de forte pendente, despoboadas de arbolado e próximas a cauces de auga. Moitos deses voluntarios eran da parroquia, outros chegados de parroquias veciñas ou de outras latitudes, pero todos con un interese común ter a vontade de querer axudar en todo o que sexa posible para mellorar o noso medio.

Vouvos falar de Pilar, ela  é unha rapaza, que xunto con Marcos, a súa parella, leva vivindo desde hai escasamente un ano en Guláns. Veñen de Madrid e de Donosti a vivir no rural, no noso rural, con todo o que iso conleva, para ben e para mal. Hoxe Pilar estivo no monte, sen coñecer a ningún dos que alí estabamos, axudándonos a recuperar o noso monte, está disposta a axudar e querer a nosa terra como un de nos. GRAZAS PILAR  e desculpa porque seguro non entenderás o texto, axudarémosche a coñecer o noso idioma e a falalo, iso farate máis rica intelectualmente porque en canto a valores e colaboración cos teus parecidos, hoxe, demostraches que es de matrícula de honra.

Desculpade que faga referencia a Guláns, si o fago é por ser coñedor do que alí se está facendo. Pero Guláns tan so é un, dos moitos, exemplos que poderíamos por aquí. Pilar tamén é un exemplo doutras Pilares das parroquias da nosa Comarca. Ó rural fai falta que veña xente de fora a vivir, xente como Pilar e seu mozo Marcos, debemos saber tratalos e coidalos.

Estamos ante unha oportunidade única. Por desgraza os nosos montes arderon, as nosas casas correron perigo….etc. Os políticos teñen as súas responsabilidade e parte de culpa en todo isto, máis iso non debe ser excusa para que nós non teñamos que asumir a nosa parte de culpa como cidadáns e propietarios dos montes.

Eu quero asumir a miña responsabilidade. Eu quero participar en decidir cal vai ser o noso futuro forestal, eu quero participar en “repensar” o meu territorio, eu quero participar en “repensar” o modelo de xestión dos nosos montes…………..e ti, tamén queres????. Si queres, únete ó GDR Condado Paradanta, xa somos moitos e bos, ti faranos mellores.

Valora e vive, eu son RURALITA.

REVERDECENDO Condado Paradanta

Paco González C. Xerente do GDR Condado Paradanta-