Neste artigo queremos facer un resumo sobre o acontecido o venres pasado na conversa que tivemos ó redor das estrelas. Para que sexa fácil de dixerir, ímolo dividir en tres apartados: conclusións xerais, conclusións sobre a parte lúdica, conclusións sobre o turismo.

CONCLUSIÓNS XERAIS

Polo grado de satisfacción que manifestastes por distintos canles, podemos dicir que o evento superou expectativas. Dende o GDR Condado Paradanta queremos agradecer a boa actitude dos asistentes e recoñecer a valía das opinións. É a nosa responsabilidade que este tipo de actividades non decaia, e para iso é moi importante demostrarvos que as vosas suxestións foron útiles e van a ser tidas en conta. Na parte do turismo explicarémosvos que cousas imos a facer a raíz do falado.

CONCLUSIÓNS SOBRE A PARTE LÚDICA

Hai que recoñecer que é verdade que nin nos mesmos sabemos o que temos. Tanto pola experiencia do paseo polo Tea acompañados de Carlos, como polo aprendizaxe que tivemos en canto a viticultura ecolóxica e astronomía “básica”, a xornada foi excelente en tódolos sentidos. Foron actividades de moitísimo valor que poderían chegar a constituír propostas de turismo por si mesmas, e nesa liña temos que traballar.

CONCLUSIÓNS SOBRE O TURISMO

Esta é a parte á que lle queríamos dedicar a maior parte do artigo, para que vexades que aquilo de xuntarse para falar non era una mera intención de pasar o tempo, senón que seguimos buscando pistas que nos permitiran ser coñecedores de cal é a situación do noso territorio para poñerse en marcha. Vamos coas conclusión máis salientables e cos seguintes pasos que propoñemos.

Sobre as conclusións:

  • A frase que máis se repetiu foi a que di que “non sabemos o que temos”. Certamente, é moi difícil poñer en valor o que se descoñece, e por aí é por onde temos que comezar. Hai que xerar actividades que saquen a xente das casas para que coñezan os recursos que teñen aquí ó lado. A propia actividade do venres é un exemplo de iso. A xente ten que sentir orgullo do seu, sentido de pertenza, pero para iso ten que descubrir que é “o seu”. Moi importante, nos temos que ser os mellores prescritores do Xeodestino Condado Paradanta e para elo é preciso coñecelo e valoralo
  • Na conversa tamén se falou de se o nome “Condado Paradanta” ten entidade por si mesma para atraer xente. Saíron moitas dubidas ó respecto, debidamente razoadas. O máis pertinente parece ser “agregarlle” un apelido, un lema, que identifique o lugar con algo máis, que apele ás emocións. Falouse de dous: “un destino, dous países” e “onde os días teñen 25 horas”, pero resulta que xa foron usados pola zona de Verín, o que nos podería xerar conflitos. Hai que seguir traballando con esta idea, inda que ó final deste artigo veredes un logo cun lema provisional, para que se entenda a idea. Unha solución podería ser abrir un concurso de ideas ata atopar aquilo que mellor nos identifique, teremos que madurar esta idea.
  • Inda que se falou de identificar elemento “tractor” para captar turismo. Debemos dicir que en turismo temos que falar de perfís concretos e dos seus intereses e motivacións. Alguén interesado na gastronomía virá chamado pola lamprea ou polos viños, mentres que alguén interesado na natureza pode que non lle dea a menor importancia, ou si… Moito ollo con simplificar un proceso, o turismo, que é moi complexo e no que, con frecuencia, se cruzan os intereses dos potenciais turistas. Por outra banda, quizás non se dean as condicións en Condado Paradanta para identificar ese posible “elemento tractor” do que falabamos na conversa. Non é tan doado.
  • Dende o GDR Condado Paradanta vense traballando en facer un visor de recursos, que se puxo en marcha o ano pasado e que coa axuda de Patricia González, que acaba de comezar a traballar como técnica de turismo do Xeodestino, estamos a actualizar, Ó mesmo tempo estamos co plan estratéxico de turismo do Xeodestino, onde se trazarán as liñas estratéxicas, sendo Javier Otero (Iniciactiva ideas en acción) o responsable deste asunto. O propio Javier nos desvelou as catro liñas principais: ENOTURISMO+GASTRONOMÍA, AUGA+TERMALISMO, PATRIMONIO HISTÓRICO, CONTORNA NATURAL. É un punto de partida interesante que evidencia un avance, agora quedaría por definir cal é o catálogo de recursos asociado a cada grupo, cales son os diferenciais capaces de atraer xente, e crear paquetes para difundilos, niso tamén estamos comezando a traballar coa financiación dun convenio que asina o GDR coa Axencia Turismo de Galicia.
  • Segundo as opinións dos participantes na conversa, queda todo por facer no campo da difusión mediática. É certo o que comentou Javier, que non “se conquista Roma nun día” e que estas estratexias son a medio/longo prazo, pero tamén é certo que ter ben identificada a proposta de valor axuda a facer unha comunicación moito máis afinada cara o público obxectivo, e inda non está clara cal é a proposta de valor diferencial (ollo a este último cualificativo, porque non consiste en falar do mesmo que falan os outros; hai que encontrar a nosa propia esencia).

A groso modo, esas foron as conclusións gordas, inda que tamén houbo outras aportacións destacadas das que tomamos boa nota.

Algo que quedou en evidencia sobre en que se podería traballar, e para que vexades que a intención da charla era poñer cousas en marcha, era na falta de identificación da poboación co Xeodestino Terras do Condado A Paradanta. Compartimos con vós un primeiro proxecto que xurdiu a raíz da reunión das conversas ó redor das estrelas.

A nosa compañeira Patricia estará presente nas festas de maior importancia que se vaian desenvolver de aquí ata finais de setembro traballando en dar a coñecer o Xeodestino e en fomentar esa identidade propia que diciamos que carece o veciño da nosa comarca.

Para iso imos preparar un xogo que daremos en chamar Sabes quen somos? Xoga con nós¡¡.

Sobre un mapa da comarca, en soporte cartón pluma, estarán localizados tres recursos por cada un dos concellos que constitúen o noso territorio. Estarán identificados, sobre o mapa, con un número. O participante terá que encher unha ficha cos seus datos, indicando a que número corresponde cada un dos nomes de recurso que nesa ficha figuren.

Por outra banda, e co mesmo obxectivo, imos preparar un libriño para entregar a cada neno que se achegue ó posto onde estará Patricia. O libro contará con dez fichas para colorear, que corresponderán con recursos do noso territorio, un por concello.

Xa por último disporemos dun photocall , con referencias a nosa comarca e o noso xeodestino, onde aquel que queira poderase fotografar e o animaremos a que as suban as súas redes sociais facendo algún comentario. Agardamos que algún de vós tamén o faga.

Xa por último convidámoste a participar nunha reunión de traballo que se celebrará este xoves, dia 9, ás 11.00 horas nas instalación do GDR en A Cañiza. Nela, ademais de matizar máis polo miúdo en que consiste este xogo co que Patricia estará dando a coñecer o  Xeodestino Terras do Condado A Paradanta, concretaremos algunha outra acción, ou sentar as bases para un proceso participativo nalgunha das accións que poidan quedar encadradadas dentro do Plan Estratéxico de Turismo que estamos a piques de pechar, por exemplo a creación dun logo e dunha marca.

Amigos, amigas, xa sabedes, como sempre, o de sempre: Valora e vive, Eu son Ruralita¡¡¡¡

 Asdo: Equipo técnico Xeodestino e GDR Condado Paradanta