O VOLUNTARIADO DOS LUMES

O VOLUNTARIADO DOS LUMES

O sábado 25 de Agosto, no Auditorio Municipal de Ponteareas, celebrouse a primeira sesión das xornadas, que no GDR demos en chamar as oportunidades do lume. Neste artigo faremos un resumo sobre o acontecido este día. Para que a lectura sexa lixeira ímolo estruturar segundo foi transcorrendo a sesión.

APERTURA DAS XORNADAS

O Presidente do GDR e Alcalde de A Cañiza, Miguel A. Domínguez foi quen se encargou da apertura das xornadas e de dar a benvida aos asistentes. Comezou agradecendo e pondo en valor o traballo feito polos diferentes grupos de voluntarios que veñen traballando no noso territorio, algúns desde os días dos lumes, outros xa con anterioridade pero todos con un único obxectivo devolverlle á natureza, en forma de coidado e preocupación, algo do moito que nos ten dado. Miguel falounos de tempos pasados, tempos onde a convivencia, e a colaboración dos veciños era a base para enfrontarse aos problemas, falounos de cando as campás das nosas parroquias “tocaban a lume” e todos os veciños saían ao monte, saían a coidar o de todos, saían a protexer o ben común. O 15 e 16 de outubro non soaron as campás, tamén iso se perdeu, pero non foi escusa para que desde o minuto 1 todos sairamos, dunha maneira ou outra, a protexer ao monte….a loitar contra un mal da nosa sociedade, a loitar contra o lume. Insistiu en que esa colaboración veciñal, hoxe en día encadrada dentro do voluntariado, debera ser a base sobre a que se siga construíndo uns bos cimentos para o rural.

Estaba prevista a presenza do Alcalde de Ponteareas, como anfitrión e concello que forma parte do GDR, para esta parte da sesión pero viuse obrigado a retrasar a súa asistencia por ter que atender compromisos con outras actividades que se estaban a desenvolver, nese momento, no seu concello. Aos poucos minutos de iniciarse incorporouse a sesión, saudando aos presentes e deixando a súa intervención para o peche da sesión.

O POR QUE DAS XORNADAS E DO SEU NOME.

A continuación explicamos, con detalle, todo o programa das xornadas, tanto no referente ás diferentes actividades das que consta coma no referente aos relatores que van ir participando. Nos estatutos do GDR dise que un  dos obxectivos que debe perseguir é favorecer a dinamización social e económica do noso territorio.  En consecuencia, queremos asumir a nosa responsabilidade neste problema, queremos poñer o noso gran de area. O que se pretende coa posta en marcha destas xornadas é, nin máis nin menos, tentar sensibilizar e concienciar a toda a poboación que, nun problema social como é este, a participación de todos e importante e, ademais, necesaria e que, cada un, porque todos en diferentes niveis as temos, teremos que asumir a nosa responsabilidade e comezar a tomar as medidas precisas para que algo, como é o lume, que conviviu con nós desde tempos pretéritos non se converta no noso final, no fin do rural, no fin do noso patrimonio. Ninguén pode evitar as súas responsabilidades, nin os cidadáns, nin as Administración Locais, nin a Administración Autonómica nin a Estatal, que tamén a ten, porque inda que a xestión do lume é unha competencia delegada nos gobernos autonómicos, o problema non é, soamente, a xestión do lume, o problema é o momento no que se atopa o rural e, niso, todos temos parte e arte, uns máis que outros. Coas xornadas queremos darlle a posibilidade aos veciños e veciñas dos nosos concellos para que falen, para que opinen, para que coñezan iniciativas que se están levando a cabo noutros territorios, para que saiban de primeira man que é o que se está a facer desde outras institucións en favorecer un futuro mellor e máis prospero, en definitiva, para que participen, iso si, con aptitude positiva e con tono construtivo. Ábrese un período de oportunidades, as oportunidades do lume

A PARTICIPACIÓN DO VOLUNTARIADO

Montse, Carla, Rosi, Ramiro, Javier, David e César foron os portavoces dos voluntariado do concello de As Neves, do concello de Salceda de Caselas, do concello de Ponteareas, da comunidade de montes de Padróns, do colectivo social de Guláns e do  colectivo veciñal do barrio de O Freixo, da parroquia de Valadares, respectivamente.

Todos eles expuxeron o seu traballo e contáronnos as diferentes accións que veñen realizando. Algúns xa tiñan constituído o grupo de voluntariados previamente aos lumes, para outros ese foi o motivo de botar a andar neste mundo de compromiso pero todos eles souberon transmitir a preocupación por algo que non é noso, por algo que é de todos pero por algo que ten que sobrevivirnos para que poida ser gozado por outras xeracións. Tamén souberon demostrar a importancia da súa existencia e da continuidade no traballo. A figura do voluntario é fundamental para que o resto da sociedade se vexa recoñecida nela e, tal e como a continuación diría Javier Losada na súa intervención, queira e se sinta orgulloso de ser voluntario ou voluntaria.

Esta era a parte principal da sesión do sábado, escoitar aos nosos voluntarios e renderlle homenaxe e agradecemento. Creo que fomos quen de facelo, pero para ese cometido tivemos unha axuda especial:

REVERDECIDO DO CONDADO PARADANTA.

Reverdecendo chámase o proxecto no que vimos traballando no GDR desde o día dos lumes e sobre o que vos seguiremos informando ao longo das xornadas. Reverdecido é o noso home, é a nosa muller, ou quizás Reverdecido máis que alguén físico sexa o espírito do noso proxecto, quizás sexa a propia natureza que, caracterizada en forma de persoa, quere estar preto nosa para guiarnos. Onte estivo presente en Ponteareas laiándose de que andaba triste, que se viña sentindo atacada e que se atopaba soa. Contounos que cando máis en perigo estaba apareceron os seus amigos. Cando os voluntarios saíron ao monte, nese momento comezou a sentirse protexida, a sentirse querida e deixou de sentirse soa. Con que ledicia lle deu as grazas aos que alí estabamos,…a ti,…a ti, ….a ti tamén,….a todos vos, como unha toliña chea de ledicia andaba polo medio do auditorio repartindo flores, agradecementos e bicos¡¡¡. Creemos que foi unha moi agradable sorpresa, a propia natureza viña a nosa sesión a agradecer o esforzo, o compromiso e a animarnos a que sigamos traballando por ela.

Reverdecido seguirá preto nosa, terá toda a vida que Reverdecendo poida ter,…, de seguro que durante as xornadas virá darnos algunha visita para guiarnos e emocionarnos coa súa música, coa súa prosa, co seu ben amor.

TESOUROS DE GALICIA.

Javier Losada, presidentes de Tesouros de Galicia, comezou por presentarnos a entidade a que pertence. Tesouros ten por obxectivo a dinamización da valorización do patrimonio galego. Falounos doutra maneira de facer voluntariado, un voluntariado controlado e ordenado. Falounos de leis, de asociacións (National Trust) doutros países cos que Tesouros ven traballando e que, coa base do voluntariado, teñen patrimonio propio que coidan e poñen en valor. Países onde o ser voluntariado é valorado e remunerado. A posibilidade de acceder a axudas europeas para proxectos de voluntariados foi unha das outras cuestión das que nos falou Javier.

TEMPO PARA AS PREGUNTAS

Xa na quenda de intervencións, aberta a todo o auditorio, o que se constatou é que ao longo destas xornadas, con seguridade, darémoslle resposta a moitas das preguntas que alí xurdiron: … xestión de propiedades, xestión de propiedades particulares, ordenación do territorio, posibilidades do rural. Non fomos quen de dar resposta a todas esas preguntas nese momento pero si sabemos que con estas xornadas darémoslle resposta a moitas delas. Agardemos unha resposta que poida servir, unha resposta útil e proveitosa.

CONCLUSIÓNS XERAIS DA SESIÓN.

A verdade, no GDR, non pensabamos que na primeira sesión se chegaría a formular unha cuestión concreta para poñela en marcha. Da sesión de onte concluíse a necesidade de coordinar todo o esforzo que se está a levar desde os diferentes grupos de voluntariado. Para iso,  con brevidade, teremos data para unha reunión de traballo entre todos os grupos que alí estaban, e outros que poidan vir, incluso do país veciño. Quizás Tesouros de Galicia sexa quen de guiarnos neses primeiros pasos….imos no bo camiño.

PECHE DA XORNADA

Do peche da xornada ocupouse o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que tras reiterar o agradecemento e os parabéns os alí presentes indicou que, asumindo a súa responsabilidade como Alcalde, é preciso que, desde as Administracións, cada unha dentro das súas responsabilidades e competencias, se poñan en marcha estratexias que nos conduzan a acadar un futuro mellor para os nosos montes e para o noso territorio.

Represas contando coa axuda de Begoña foron os encargados de facerlle entrega aos participantes dun agasallo que servirá para lembrar a súa participación nas xornadas. A imaxe que ilustra ese agasallo é propiedade de Juan Pablo Moreiras que a cedeu o GDR, para ese uso concreto, a modo de colaboración co proxecto REVERDECENDO.

Ata Ponteareas, para participar na sesión, achegouse o Alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez. As Neves será o concello anfitrión da próxima sesión das xornadas. O vindeiro xoves, día 30, en sesión de mañá e tarde teremos, no auditorio de As Neves exemplos de boas prácticas e de compromiso, por parte dos seus promotores, cos nosos montes e patrimonio.

Por último lembrar que as xornadas son abertas ao público en xeral e que, financiadas polo Programa LEADER Galicia 2014-202, son de balde. Todos e todas debemos participar, debemos aportar e facilitar que sexamos quen de ir construíndo posibilidades para o noso entorno, lonxe de loitas partidistas.

Reverdecendo é un proxecto social e apartidista, no GDR non o podemos entender doutra maneira, creemos que é a maneira de poder acadar algo entre todos e todas.

Amigos, amigas, xa sabedes, como sempre, o de sempre: Valora e vive, Eu son Ruralita¡¡¡¡

Asdo. Equipo técnico GDR Condado Paradanta

Conclusións do parladoiro conversas ó redor das estrelas

Conclusións do parladoiro conversas ó redor das estrelas

Neste artigo queremos facer un resumo sobre o acontecido o venres pasado na conversa que tivemos ó redor das estrelas. Para que sexa fácil de dixerir, ímolo dividir en tres apartados: conclusións xerais, conclusións sobre a parte lúdica, conclusións sobre o turismo.

CONCLUSIÓNS XERAIS

Polo grado de satisfacción que manifestastes por distintos canles, podemos dicir que o evento superou expectativas. Dende o GDR Condado Paradanta queremos agradecer a boa actitude dos asistentes e recoñecer a valía das opinións. É a nosa responsabilidade que este tipo de actividades non decaia, e para iso é moi importante demostrarvos que as vosas suxestións foron útiles e van a ser tidas en conta. Na parte do turismo explicarémosvos que cousas imos a facer a raíz do falado.

CONCLUSIÓNS SOBRE A PARTE LÚDICA

Hai que recoñecer que é verdade que nin nos mesmos sabemos o que temos. Tanto pola experiencia do paseo polo Tea acompañados de Carlos, como polo aprendizaxe que tivemos en canto a viticultura ecolóxica e astronomía “básica”, a xornada foi excelente en tódolos sentidos. Foron actividades de moitísimo valor que poderían chegar a constituír propostas de turismo por si mesmas, e nesa liña temos que traballar.

CONCLUSIÓNS SOBRE O TURISMO

Esta é a parte á que lle queríamos dedicar a maior parte do artigo, para que vexades que aquilo de xuntarse para falar non era una mera intención de pasar o tempo, senón que seguimos buscando pistas que nos permitiran ser coñecedores de cal é a situación do noso territorio para poñerse en marcha. Vamos coas conclusión máis salientables e cos seguintes pasos que propoñemos.

Sobre as conclusións:

  • A frase que máis se repetiu foi a que di que “non sabemos o que temos”. Certamente, é moi difícil poñer en valor o que se descoñece, e por aí é por onde temos que comezar. Hai que xerar actividades que saquen a xente das casas para que coñezan os recursos que teñen aquí ó lado. A propia actividade do venres é un exemplo de iso. A xente ten que sentir orgullo do seu, sentido de pertenza, pero para iso ten que descubrir que é “o seu”. Moi importante, nos temos que ser os mellores prescritores do Xeodestino Condado Paradanta e para elo é preciso coñecelo e valoralo
  • Na conversa tamén se falou de se o nome “Condado Paradanta” ten entidade por si mesma para atraer xente. Saíron moitas dubidas ó respecto, debidamente razoadas. O máis pertinente parece ser “agregarlle” un apelido, un lema, que identifique o lugar con algo máis, que apele ás emocións. Falouse de dous: “un destino, dous países” e “onde os días teñen 25 horas”, pero resulta que xa foron usados pola zona de Verín, o que nos podería xerar conflitos. Hai que seguir traballando con esta idea, inda que ó final deste artigo veredes un logo cun lema provisional, para que se entenda a idea. Unha solución podería ser abrir un concurso de ideas ata atopar aquilo que mellor nos identifique, teremos que madurar esta idea.
  • Inda que se falou de identificar elemento “tractor” para captar turismo. Debemos dicir que en turismo temos que falar de perfís concretos e dos seus intereses e motivacións. Alguén interesado na gastronomía virá chamado pola lamprea ou polos viños, mentres que alguén interesado na natureza pode que non lle dea a menor importancia, ou si… Moito ollo con simplificar un proceso, o turismo, que é moi complexo e no que, con frecuencia, se cruzan os intereses dos potenciais turistas. Por outra banda, quizás non se dean as condicións en Condado Paradanta para identificar ese posible “elemento tractor” do que falabamos na conversa. Non é tan doado.
  • Dende o GDR Condado Paradanta vense traballando en facer un visor de recursos, que se puxo en marcha o ano pasado e que coa axuda de Patricia González, que acaba de comezar a traballar como técnica de turismo do Xeodestino, estamos a actualizar, Ó mesmo tempo estamos co plan estratéxico de turismo do Xeodestino, onde se trazarán as liñas estratéxicas, sendo Javier Otero (Iniciactiva ideas en acción) o responsable deste asunto. O propio Javier nos desvelou as catro liñas principais: ENOTURISMO+GASTRONOMÍA, AUGA+TERMALISMO, PATRIMONIO HISTÓRICO, CONTORNA NATURAL. É un punto de partida interesante que evidencia un avance, agora quedaría por definir cal é o catálogo de recursos asociado a cada grupo, cales son os diferenciais capaces de atraer xente, e crear paquetes para difundilos, niso tamén estamos comezando a traballar coa financiación dun convenio que asina o GDR coa Axencia Turismo de Galicia.
  • Segundo as opinións dos participantes na conversa, queda todo por facer no campo da difusión mediática. É certo o que comentou Javier, que non “se conquista Roma nun día” e que estas estratexias son a medio/longo prazo, pero tamén é certo que ter ben identificada a proposta de valor axuda a facer unha comunicación moito máis afinada cara o público obxectivo, e inda non está clara cal é a proposta de valor diferencial (ollo a este último cualificativo, porque non consiste en falar do mesmo que falan os outros; hai que encontrar a nosa propia esencia).

A groso modo, esas foron as conclusións gordas, inda que tamén houbo outras aportacións destacadas das que tomamos boa nota.

Algo que quedou en evidencia sobre en que se podería traballar, e para que vexades que a intención da charla era poñer cousas en marcha, era na falta de identificación da poboación co Xeodestino Terras do Condado A Paradanta. Compartimos con vós un primeiro proxecto que xurdiu a raíz da reunión das conversas ó redor das estrelas.

A nosa compañeira Patricia estará presente nas festas de maior importancia que se vaian desenvolver de aquí ata finais de setembro traballando en dar a coñecer o Xeodestino e en fomentar esa identidade propia que diciamos que carece o veciño da nosa comarca.

Para iso imos preparar un xogo que daremos en chamar Sabes quen somos? Xoga con nós¡¡.

Sobre un mapa da comarca, en soporte cartón pluma, estarán localizados tres recursos por cada un dos concellos que constitúen o noso territorio. Estarán identificados, sobre o mapa, con un número. O participante terá que encher unha ficha cos seus datos, indicando a que número corresponde cada un dos nomes de recurso que nesa ficha figuren.

Por outra banda, e co mesmo obxectivo, imos preparar un libriño para entregar a cada neno que se achegue ó posto onde estará Patricia. O libro contará con dez fichas para colorear, que corresponderán con recursos do noso territorio, un por concello.

Xa por último disporemos dun photocall , con referencias a nosa comarca e o noso xeodestino, onde aquel que queira poderase fotografar e o animaremos a que as suban as súas redes sociais facendo algún comentario. Agardamos que algún de vós tamén o faga.

Xa por último convidámoste a participar nunha reunión de traballo que se celebrará este xoves, dia 9, ás 11.00 horas nas instalación do GDR en A Cañiza. Nela, ademais de matizar máis polo miúdo en que consiste este xogo co que Patricia estará dando a coñecer o  Xeodestino Terras do Condado A Paradanta, concretaremos algunha outra acción, ou sentar as bases para un proceso participativo nalgunha das accións que poidan quedar encadradadas dentro do Plan Estratéxico de Turismo que estamos a piques de pechar, por exemplo a creación dun logo e dunha marca.

Amigos, amigas, xa sabedes, como sempre, o de sempre: Valora e vive, Eu son Ruralita¡¡¡¡

 Asdo: Equipo técnico Xeodestino e GDR Condado Paradanta